No mes de novembro de 2021 e dentro da primeira fase do proxecto de Somos Pandeireteiras, desenvolvéronse tres talleres nos I.E.S. de Fene, Padrón e Malpica en colaboración con tres grupos de pandeireteiras: Xirifeiras, Rosalía de Castro e Raigañas.
Nestes obradoiros a rapazada viviu unha experiencia sonora e performativa do que é unha tocada das pandeireteiras e puideron participarar activamente na mesma.
Coas Pandeireteiras de Xirifeira.
O alumnado percorreu outras historias da súa comarca, Ferrolterra, da man de tres mulleres pandeireteiras que relataron como as súas avoas e bisavoas foron axentes activas na construción social da súa época e coñeceron o seu rol central como mulleres músicas e compositoras de letras. No obradoiro realízouse un percorrido polos instrumentos que empregaban, a maioría deles presentes como ferramentas para a cociña e o traballo no campo.
Con Ana Fernández da Asociación Rosalía de Castro de Padrón e Mercedes Peón.
O alumnado realizou un breve repaso polos diferentes momentos da transmisión e da aprendizaxe da pandeireta: as recollidas, os grupos de pandeireteiras e a composición musical con autoestima cultural. Un encontro con dúas pandeireteiras e artistas contemporáneas no que puideron experimentar tamén a composición dunha peza de xeito colectivo e que foi interpretada de forma conxunta.
O alumnado tivo a ocasión de experimentar con diferentes instrumentos de percusión ademais dunha cantada e tocada colectiva. A emoción apoderouse da adolescencia ao recoñecer algo que lles pertence.
Coas Pandeireteiras de Raigañas.
O alumnado fai unha breve revisión pola historia da pandeireta como xeito de vida para divertirse e relacionarse coa xente da súa aldea e arredores. Coñecerán a vinculación do seu concello e a música tradicional, pois aproveitarase para poñer en valor que viven nun municipio no que había tocadoras en case todos os lugares que a conforman: A Seaia, Cerqueda, Mens, Limiñoa, Cambre e Brántuas. O taller é participativo: construirase en común unha letra para unha peza.