O 19 de decembro de 2021 organizáronse as I Xornadas públicas orgnanizadas por Somos Pandeireteiras, unha iniciativa de Mercedes Peón na que colaboraron as asociacións Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), Xirifeiras (Fene) e a Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón). Este proxecto inicial derivou no que é hoxe Somos Pandeireteiras: nunha Asociación Cultural de mulleres Pandeireteiras galegas.
Nestas xornadas xuntáronse en Carballo oitenta pandeireteiras de Galicia. Atopáronse, conversaron, falaron do que saben e do que queren transmitir como pandeireteiras, regueifeiras, músicas, compositoras e pensadoras. E comezaron a construír un espazo relacional onde poder traballar sen validacións externas.
Descarga o programa (PDF, 52Kb)Da I Xornada organizada por Somos Pandeireteiras en Carballo en 2021 xorde a primeira publicación. Unha historia dunha serie de mulleres que, coa pandeireta na man, eran libres. Tal e como afirma Mercedes Peón no limiar, eran «libres de tocar, de berrar, de aloumiñar coa voz, de disociar e ornamentar mentres tiñan o seu transo en colectividade, libres de facer a foliada, donas do serán e donas da palabra».
A partir do recoñecemento desa liberdade, naceu o proxecto «Somos pandeireteiras», o lugar onde a centralidade estaría ocupada por un pronome feminino plural: nosoutras. Este libro é unha consecuencia dese proxecto de pensamento e articulación social e cultural impulsado pola sororidade e promovido pola investigadora, pandeireteira e compositora Mercedes Peón. Nas súas páxinas, seis mulleres galegas contemporáneas (Ana Romaní, María Reimóndez, Andrea Nunes, Susana Sanches Arins, Mercedes Peón e Selina Otero) recollen o testemuño desde a súa propia palabra.
No mes de novembro de 2021 e dentro da primeira fase do proxecto de Somos Pandeireteiras, desenvolvéronse tres talleres nos I.E.S. de Fene, Padrón e Malpica en colaboración con tres grupos de pandeireteiras: Xirifeiras, Rosalía de Castro e Raigañas.
Nestes obradoiros a rapazada viviron unha experiencia sonora e performativa do que é unha tocada das pandeireteiras e puideron participarar activamente na mesma.
Coas Pandeireteiras de Xirifeira.
O alumnado percorreu outras historias da súa comarca, Ferrolterra, da man de tres mulleres pandeireteiras que relataron como as súas avoas e bisavoas foron axentes activas na construción social da súa época e coñeceron o seu rol central como mulleres músicas e compositoras de letras. No obradoiro realízouse un percorrido polos instrumentos que empregaban, a maioría deles presentes como ferramentas para a cociña e o traballo no campo.
Con Ana Fernández da Asociación Rosalía de Castro de Padrón e Mercedes Peón.
O alumnado realizou un breve repaso polos diferentes momentos da transmisión e da aprendizaxe da pandeireta: as recollidas, os grupos de pandeireteiras e a composición musical con autoestima cultural. Un encontro con dúas pandeireteiras e artistas contemporáneas no que puideron experimentar tamén a composición dunha peza de xeito colectivo e que foi interpretada de forma conxunta.
O alumnado tivo a ocasión de experimentar con diferentes instrumentos de percusión ademais dunha cantada e tocada colectiva. A emoción apoderouse da adolescencia ao recoñecer algo que lles pertence.
Coas Pandeireteiras de Raigañas.
O alumnado fai unha breve revisión pola historia da pandeireta como xeito de vida para divertirse e relacionarse coa xente da súa aldea e arredores. Coñecerán a vinculación do seu concello e a música tradicional, pois aproveitarase para poñer en valor que viven nun municipio no que había tocadoras en case todos os lugares que a conforman: A Seaia, Cerqueda, Mens, Limiñoa, Cambre e Brántuas. O taller é participativo: construirase en común unha letra para unha peza.